Wednesday 01 de May de 2024

O concello promove a través do seu Museo a recuperación da memoria fotográfica e documental para crear un arquivo dixital


Chamamento á cidadanía para que colabore na iniciativa

 

O Concello de Riveira, a iniciativa da Sala Museo Municipal en colaboración co Arquivo Municipal, vai poñer en marcha un novo proxecto no que se precisa da colaboración da veciñanza.

Trátase da creación dun Arquivo Fotográfico Histórico que sirva para reconstruír, conservar e transmitir ás xeracións vindeiras a memoria colectiva de Riveira a través da recuperación, preservación, salvagarda e difusión do patrimonio fotográfico e documental do noso municipio con todas as parroquias en todos os seus ámbitos sociais e culturais facéndoa accesible a todo aquel que a queira disfrutar.

Neste senso, tocante ás imaxes, calquera tipo de fotografía serve, se ben é certo que terán especial relevancia aquelas de maior antigüidade e valor histórico. Serven todo tipo de retratos, imaxes de reunións como festas e celebracións familiares, acontecementos importantes que reúna a xente como o Entroido, cabalgatas, matanzas tradicionais… ou calquera outra actividade ou material relacionado co mundo agrícola, gandeiro, actividades que teñan que ver co mar, barcos, travesías, estaleiros, inauguracións, paisaxes, monumentos, fábricas de salgadura, de conserva, muíños, lugares emblemáticos que existen ou que xa desapareceron (cines, bailes, escolas), relacionadas coa emigración… en definitiva todo o que poida facer que as novas xeracións coñezan e saiban identificar a traxectoria histórica das persoas do municipio.

En canto a documentos oficiais, pódese achegar calquera tipo de documento que se poida considerar de interese xeral, como algún tipo de carné (con ou sen fotografía), estatutos de creación de asociacións, agrupacións, etc…

Devolución do orixinal
O Museo realizará a dixitalización dos documentos e procederá á devolución do orixinal. A achega pódese facer tanto de forma presencial (onde tras a súa recepción se dixitalizará e, a ser posible, se devolverá no momento), como por correo postal (enviándoa á Praza do Concello, 15860, Riveira á atención de Miguel Ángel Vidal Lojo, do Museo Municipal) como de forma telemática (por mail a m.vidal.lojo@riveira.com ou museo@riveira.com) indicando no asunto “Arquivo fotográfico de Riveira).

De non ser posible por estas vías, marcaranse uns días nos que un técnico do museo acudirá a uns puntos determinados para a súa recollida.

Máis información: m.vidal.lojo@riveira.com ou museo@riveira.com ou tamén 981 873 595 (preguntar por Miguel).